ADMINISTRACIÓN E DIRECCIÓN DE EMPRESAS
O grao en Administración e Dirección de Empresas (ADE) proporciona unha sólida formación teórica e práctica que che permitirá xestionar unha empresa ou organización de pequeno tamaño, asumir tarefas directivas nunha mediana ou gran empresa ou organización ou integrarche en calquera das súas áreas funcionais. Ofrecemos a posibilidade de que formes parte do grupo bilingüe, no que se imparten máis do 50% dos créditos en inglés.
A súa versatilidade e a súa elevada taxa de empregabilidade son un dos principais atractivos desta titulación. As súas saídas profesionais atópanse tanto no sector privado (asesoría, consultoría, banca, xestor administrativo, finanzas, contabilidade, márketing…), como na administración pública ou no exercicio libre da profesión.
E se queres facer un grao no estranxeiro terás a opción de obter a dobre titulación de graduado en ADE pola UDC e de BA ( Hons) Business and Management pola University of South Wales (Reino Unido).
Video de presentación
Estudar ADE
CIENCIAS EMPRESARIAIS
Os estudos en Ciencias Empresariais (CCEE), herdeiros dos antigos estudos de Comercio, Peritaxe e Profesorado mercantil, teñen unha longa tradición na Coruña. Neles formáronse varias xeracións de profesionais do mundo dos negocios.
Ofrecemos unha formación multidisciplinar orientada á resolución de problemas e a toma de decisións no ámbito da empresa, con especial atención ás áreas de contabilidade, fiscalidade e finanzas. Ademais, ocupan un lugar importante contidos tan relevantes hoxe en día como a informática, os idiomas e o dereito. Todo iso permitirache obter unha excelente preparación para o exercicio profesional por conta propia ou allea.
Se che interesa o mundo da empresa e queres integrarche en calquera das súas áreas funcionais, ou se tes unha visión emprendedora e desexas establecer a túa propia empresa, aquí atoparás os coñecementos e as ferramentas necesarias para facelo.
Video de presentación
Estudar Ciencias Empresariais
ECONOMÍA
O grao en Economía (ECO) permitirache profundar no estudo do funcionamento xeral da economía para comprender a dinámica dos sistemas económicos a nivel mundial e das organizacións empresariais, así como a formulación de políticas gobernamentais. Ofrecemos a posibilidade de que formes parte do grupo bilingüe, no que se imparten máis do 50% dos créditos en inglés.
Proporcionamos unha rigorosa formación multidisciplinar orientada á posta en práctica dos contidos teóricos, con especial atención ás áreas de análise económica, economía aplicada, sector público e métodos cuantitativos. Isto permítenos ter unha das taxas de empregabilidade máis altas entre as titulacións en Ciencias Sociais e Xurídicas, xa que conta con multitude de saídas profesionais no ámbito público e privado.
E se queres estudar no estranxeiro, ademais dos programas de mobilidade internacional, terás a posibilidade de estudar o primeiro cuadrimestre do cuarto curso na Widener University- Delaware Law School e obter o Certificate of completion in legal studies with concentration in corporate & business Law.
Video de presentación
Estudar Economía
GRAO ABERTO EN CIENCIAS SOCIAIS E XURÍDICAS
O Grao Aberto en Ciencias Sociais e Xurídicas (GACSX) ofrece a posibilidade de combinar materias de sete graos da área de Ciencias Sociais e Xurídicas (Administración e Dirección de Empresas, Ciencias Empresariais, Dereito, Economía, Educación Social, Socioloxía e Turismo), co obxectivo de que poidas adaptar o teu itinerario formativo ao perfil profesional que aspiras a construír.
Matriculándote no GACSX poderás escoller entre 70 materias durante o teu primeiro curso académico (dous períodos de catro meses). Despois deste período, incorporaraste ao segundo curso da titulación na que decidas graduarte (grao destino) e poderás seguir ampliando a túa formación cursando materias do resto de graos implicados no programa de grao aberto. Ao finalizar os teus estudos, ademais do teu título de grao, obterás un diploma de Formación Complementaria co detalle das materias cursadas de forma complementaria.
O Grao Aberto é unha opción innovadora que poucas universidades ofrecen e permitirate conseguir unha formación mais flexible e adaptada ás necesidades laborais no campo das Ciencias Sociais e Xurídicas.
Video de presentación
Presentación do grao aberto
Estudar o grao aberto en CCSSeXX