MESTRADO UNIVERSITARIO EN BANCA E FINANZAS
O Mestrado Universitario en Banca e Finanzas ( MUBF) proporciona unha formación académica financeira avanzada e actual para o desenvolvemento profesional na dirección financeira das empresas, banca e intermediación financeira, así como en actividades relacionadas con produtos financeiros e de investimento, e coa xestión de riscos financeiros. O MUBF é o único título universitario oficial en Banca e Finanzas de Galicia.
Ofrecemos un completo programa que permite satisfacer a demanda dun sector esixente, regulado e en continua expansión. Ademais, o MUBF está acreditado pola Comisión Nacional do Mercado de Valores como título habilitante para a formación do persoal que presta asesoramento en materia de investimento (MIFID II) e polo Banco de España para asesorar en materia de crédito inmobiliario.
O seu alto recoñecemento no sector, tras formar a máis de 300 alumnos nas súas 13 edicións, convérteo nunha excelente opción se queres especializarche ou actualizar coñecementos en banca e finanzas.
MESTRADO UNIVERSITARIO EN CONTABILIDADE SUPERIOR E AUDITORÍA DE CONTAS
O Mestrado Universitario en Auditoría de Contas e Contabilidade Superior ( MUCSAC) proporciona formación especializada en auditoría e contabilidade, e a oportunidade de realizar prácticas profesionais en empresas do sector, entre as que se atopan as máis importantes firmas de auditoría
Ofrecemos a formación teórica esixida para o acceso á profesión regulada de auditor/a e de experto/a contable. O MUCSAC é o único mestrado oficial en Galicia homologado polo Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas para eximir da parte teórica do exame público de acceso ao Rexistro de Oficial de Auditores de Contas, e habilitado polo Consello Xeral de Economistas de España para a convalidación da fase I e II do exame de acceso ao Rexistro de Economistas Contables.
O seu amplo recoñecemento polas empresas convérteo nunha excelente opción se desexas especializarse e actualizar as túas competencias en contabilidade, información financeira e auditoría de contas.
MESTRADO UNIVERSITARIO EN DIRECCIÓN E ADMINISTRACIÓN DE EMPRESAS
O Mestrado Universitario en Dirección e Administración de Empresas ( MUDAE) achegarache á realidade da xestión empresarial actual, que se desenvolve nunha contorna cada vez máis dinámico e competitivo. Enfrontamos este desafío mediante metodoloxías docentes innovadoras e baixo a filosofía do “learning by doing”.
Destacamos polo marcado carácter práctico e aplicado, que favorece a adquisición de coñecementos empresariais especializados a través da aprendizaxe baseada en proxectos e da aprendizaxe cooperativa. Deste xeito, integrarasche nun equipo de traballo multidisciplinar para o desenvolvemento dun proxecto empresarial no que irás aplicando os coñecementos adquiridos en cada materia do mestrado. Terás tamén á túa disposición un simulador de negocios co que poderás poñer a teoría en práctica nunha contorna sen riscos, permitíndoche innovar nas solucións aos problemas.
E se queres facer un mestrado no estranxeiro, cos nosos programas de internacionalización en Rennes e Delaware poderás obter unha dobre titulación internacional.
MESTRADO UNIVERSITARIO EN ECONOMÍA
O Mestrado (inter)Universitario en Economía ( MUE) forma a expertos en economía cunha alta cualificación, espírito crítico e capacidade para tomar decisións estratéxicas en contornas laborais complexos e dinámicos ou, de ser o caso, para continuar con estudos superiores. O MiE é o único mestrado oficial do Sistema Universitario de Galicia nas áreas de economía e empresa no que participan as tres universidades públicas galegas.
Ofrecemos unha sólida formación nas técnicas, modelos e metodoloxías máis actualizadas para o estudo da economía. Aprenderás a manexar as ferramentas teóricas e de análises de datos necesarias para a avaliación e toma de decisións informada ante calquera situación que se presente no ámbito institucional, empresarial ou académico.
Adaptámonos a diferentes inquietudes e intereses cunha oferta de catro itinerarios distintos de especialización: Políticas Públicas e Análise Económica Rexional, Economía e Sociedade, Economía e Finanzas, e Análise Económica. Os tres primeiros, de carácter profesionalizador, proporcionan un alto nivel de capacitación en diferentes áreas da análise económica aplicada, que comprenden desde a avaliación e deseño de políticas públicas ata a valoración da rendibilidade e o risco de proxectos financeiros. O cuarto itinerario, o de Análise Económica, é o idóneo se buscas unha formación avanzada que che permita afrontar con éxito programas de doutoramento competitivos a nivel internacional.
MESTRADO UNIVERSITARIO EN ECOMONÍA CIRCULAR
O Mestrado (inter)Universitario en Economía Circular (MUEC) facilita a formación necesaria para as personas interesadas en desenvolver actividades relacionadas coa Economía Circular en diversas organizacións, sexan públicas ou privadas. A Economía Circular é un ámbito con crecente demanda de profesionais pola súa relación coa sustentabilidade de calquera actividade económica e social, abranguendo todos os elementos que rodean e definen calquera produto ou servizo, dende a obtención de materias primas, a fase de produción, o momento do consumo ate o fin da vida útil.
O mestrado está dirixido a unha ampla variedade de graduados e profesionais das Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias, Enxeñaría e Arquitectura. O alumnado contará cunha formación multidisciplinar que lle permitirá entender tódolos aspectos chave para conseguir desenvolver estratexias de Economía Circular, tanto de xeito específico vinculadas ao seu ámbito de coñecemento de acceso ao mestrado, como de xeito xeral para permitirlle a coordinación de equipos multidisciplinares.
Conta cun equipo docente especializado das tres universidades do sistema universitario público galego, que desenvolverá a docencia presencial grazas a plataformas de teledocencia cando os docentes non pertenzan á Universidade da Coruña.
Dentro do programa de actividades docentes do mestrado haberá contacto co tecido productivo galego e con profesionais de prestixio neste ámbito, incluíndo visitas guiadas a empresas e institucións que estean a aplicar os principios da Economía Circular.

