Presentación

Benvido/á a web da Facultade de Economía e Empresa ( FEE) da Universidade da Coruña.

A FEE ten unha ampla e variada oferta formativa de grao e posgrao. A isto únese unha importante actividade investigadora, de transferencia e de divulgación, en contacto co tecido social e empresarial da nosa contorna desde unha perspectiva global.

En canto á oferta de grao, podes estudar os graos en Administración e Dirección de Empresas (ADE), Ciencias Empresariais e Economía. Nos graos en ADE e Economía podes seguir un itinerario con docencia en inglés. Tamén podes realizar os Programas de Simultaneidade de graos en ADE e Dereito, e en Turismo e Ciencias Empresariais, e o grao aberto en Ciencias Sociais e Xurídicas, no que podes elixir materias de varios graos para configurar un currículo acorde coas túas inquietudes e intereses.

En canto á oferta de posgrao, podes cursar os másteres universitarios en Banca e Finanzas, Contabilidade Superior e Auditoría de Contas, Dirección e Administración de Empresas, e Economía, e tes a posibilidade de conseguir os dous títulos de Máster Universitario en Dirección e Administración de Empresas e de Master of Science in International Negotiation and Business Development da Rennes Business School (Francia) ou de Master of Jurisprudence in Corporate & Business Law da Widener University (EEUU). Ademais, a FEE conta con títulos propios de posgrao sobre temáticas actuais como a Innovación, a Sustentabilidade ou a Estratexia Dixital. A formación de posgrao complétase co Programa de Doutoramento interuniversitario en Análise Económica e Estratexia Empresarial, que conta coa participación dos investigadores máis destacados e activos do Sistema Universitario de Galicia, e co que poderás alcanzar o máximo nivel académico de doutor.

Anímote a que visites a nosa web, onde poderás atopar información detallada sobre a Facultade. Estaremos encantados de resolver calquera dúbida que poidas ter. Esperamos contar coa túa confianza para axudarche a desenvolver con éxito os teus proxectos académicos, profesionais e persoais.

Un cordial saúdo,

Carmen Lema
Decana
FEE