XII OLIMPÍADA GALEGA DE ECONOMÍA

A Universidade da Coruña e o Colexio de Economistas da Coruña, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo, e coa participación da Asociación Galega de Ensinantes de Economía en Secundaria (AGAEDES), organizan a XII Olimpíada Galega de Economía, que constitúe a fase local da Olimpíada Española de Economía no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Con esta actividade búscase premiar o esforzo e a excelencia académica, así como establecer vínculos estables entre o ensino universitario e outros niveis educativos.

Destinatarios: Estudantado matriculado na materia de Economía da Empresa de 2º de Bacharelato no curso 2021/22.

Inscrición: A inscrición realizarase cumprimentando o formulario de solicitude de participación, que deberá ser enviado por email desde un correo electrónico oficial (tipo xxx@edu.xunta.es) –pode ser o do/a docente ou o do Centro de Ensino–, ao e-mail olimpiada.fee@udc.gal. Só se considerarán os formularios recibidos ata as 14h do día 4 de abril de 2022. En caso de remitir máis dun formulario só será válido o último recibido en prazo.
Para os estudantes menores de idade deberá cubrirse o formulario de autorización da nai, pai ou tutor/a legal para a súa asistencia e participación na Olimpíada e a cesión dos dereitos de imaxe segundo o modelo que poden descargar aquí. Este modelo deberá enviarse, xunto co formulario de inscrición, de forma agrupada por cada centro educativo para todos os seus estudantes participantes ó enderezo de correo electrónico olimpiada.fee@udc.gal.

Data e lugar de celebración da proba: A proba terá lugar ás 16:30h do día 22 de abril de 2022 na Facultade de Economía e Empresa (Campus de Elviña, A Coruña) da Universidade da Coruña.

Desenvolvemento e temario da proba: A proba abrangue os contidos da materia de Economía da Empresa de 2º de Bacharelato. Para máis información consulte as bases.

Premios: Os tres primeiros clasificados na Olimpíada Galega de Economía recibirán un diploma acreditativo e poderán representar ás Universidades do Sistema Universitario de Galicia na fase nacional da Olimpíada de Economía que se celebrará os días 20, 21 e 22 de Xuño de 2022 na Universidade Pablo Olavide de Sevilla.
A Facultade de Economía e Empresa da UDC correrá co coste da inscrición, e cos gastos de viaxe e aloxamento dos tres estudantes seleccionados, a dun/ha profesor/a designado pola Comisión Organizadora que os acompañe, e un/ha representante da Facultade.
O Colexio de Economistas da Coruña otorgará un premio de 500€ ao primeiro clasificado, de 300€ ao segundo clasificado, e de 200€ ao terceiro clasificado. Para máis información consulta as bases.

Programa: Xa está dispoñible o Programa da Olímpiada Galega de Economía, así como un plano das plantas da facultade onde terán lugar os actos da Olimpíada.

Información sobre as probas: O alumnado inscrito debe coñecer e seguir estas indicacións para a realización da primeira proba tipo test. Esta proba é eliminatoria, polo que só pasarán á seguinte proba os 15 mellores participantes (e aqueles que estén empatados coa última nota de corte). A proba tipo test debe ser cuberta con lapis e as outras dúas probas a bolígrafo (ou similar), polo que os participantes deben traer lapis e bolígrafo.
A proba tipo test estará redactada en galego, un dos dous problemas estará redactado en castelán e o outro en galego, e o comentario de texto estará redactado en castelán. As respostas aos problemas e ao comentario de texto poden estar en galego ou castelán, a elección do alumnado, independentemente da lingua na que esté redactada a pregunta. Ademais, nos problemas e no comentario de texto (non na proba tipo test), poderáse empregar unha calculadora non programable, semellante ás permitidas nas ABAU.
Para a súa correcta identificación é obrigatorio que o alumnado participante traia consigo o DNI. O alumnado que non poida ser identificado adecuadamente non poderá participar na Olimpíada.

Bases da convocatoria
Formulario de inscrición
Relación de inscritos
Programa da Olimpíada

Grazas ao estudantado e ao seu profesorado pola vosa participación, e parabéns a todos os/as finalistas; especialmente, aos clasificados/as nas tres primeiras posicións. Esperamos que teñades pasado unha boa xornada na Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña.

 

Contacto
Secretaría do Decanato da Facultade de Economía e Empresa, UDC
Teléfono: 881012412
E-mail: olimpiada.fee@udc.gal

logos