CONVERSAMOS CON EMPRENDEDORAS NAS XORNADAS 8M "MULLER E EMPRENDEMENTO: AS NOSAS REFERENTES"

CONVERSAMOS CON EMPRENDEDORAS NAS XORNADAS 8M
Faláronnos da súa actividade dende unha perspectiva de xénero e conversamos sobre moitos temas interesantes como: a visibilización da labor da muller nos seus eidos profesionais, a necesidade de apoiar as iniciativas emprendedoras comprometidas coa igualdade, o ecoloxismo, a educación en valores e as condicións de traballo acordes coa conciliación familiar e laboral, entre outras, e a importancia de ter referentes femininos que nos alenten a emprender e a crecer no profesional e no persoal. Lucía falounos da súa experiencia como cantante e á fronte dun equipo de músicos, da responsabilidade das persoas que soben a un escenario de concienciar na igualdade e axudar a cambiar a sociedade. Cristina Fernández-Armesto falounos da historia de Casa Grande de Xanceda, facendo fincapé no seu compromiso co rural, coa sustentabilidade e a igualdade. Falounos tamén de súa avoa Victoria Fernández-Armesto, fundadora da granxa e muller pioneira, polifacética e avanzada á súa época. Mónica Conde contounos as etapas polas que pasou dende o xerme de Animosa ata hoxe e deunos consellos clave para axudarnos a afrontar con éxito o reto de emprender sendo muller e acadar un ambiente laboral igualitario no que nos sintamos cómodas. Tamén comentamos os pósters do alumnado, falamos coas persoas asistentes e rematamos con “Na mina pel” interpretada por Lucía Pérez, unha homenaxe ás mulleres da nosa historia de vida. Moitas grazas Lucía, Cristina e Mónica, vós xa formades tamén parte da nosa historia. E grazas tamén ás persoas participantes, asistentes e aos que apoiastedes esta iniciativa, especialmente ao decanato da FEE e á Oficina para a Igualdade de Xénero.
Compartir esta noticia: