Programa ‘Campus Rural’

Programa ‘Campus Rural’

Por terceiro ano consecutivo, a Universidade da Coruña, en colaboración co Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITERD), o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE), lanza o Programa ‘Campus Rural’. Trátase dunha iniciativa que promove a realización de prácticas externas por parte do estudantado de Grao e Máster oficial en contornas rurais ou en risco de despoboamento, co fin de que a mocidade coñeza a súa contorna en profundidade e poidan formarse convivindo e colaborando coa súa xente, de modo que poda ser un lugar de oportunidades para o desenvolvemento do seu futuro persoal e profesional. En definitiva, o programa aposta polas potencialidades do territorio, a promoción do emprego novo e o impulso do talento local.

Ata un total de 20 estudantes poderán beneficiarse deste programa. Durante o período de prácticas, o estudantado beneficiario deberá residir no mesmo municipio onde vai a realizar a práctica externa ou a non máis de 20 km de distancia, nun municipio de similares características, e recibirá unha bolsa de 1.000 euros brutos mensuais, que serán abonados pola Universidade da Coruña e financiados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. As prácticas externas terán unha duración de tres meses en entidades públicas ou privadas, sendo a data límite de finalización das mesmas o 15 de novembro de 2024.

O 11 de abril sairá publicada a convocatoria na sede electrónica da UDC, sendo esta a data de comezo das inscricións (ata o día 25 de abril, incluido). Na propia convocatoria figura a selección de entidades nas que o estudantado pode realizar as súas prácticas.

Compartir esta noticia: